Microsoft estrea a web do seu novo reprodutor multimedia

venres, 3 de novembro do 2006 Marcus Fernández

O reprodutor multimedia de Microsoft que pretende facerlle fronte ó iPod de Apple está a comezar a tomar posicións para o seu lanzamento norteamericano (aínda non se sabe cando chegará a Europa), posto que o día 14 de novembro comezarán as súas vendas, polo que xa lanzou unha páxina web, na que parecen querer centrarse nunha aparencia divertida e atractiva, predicando unha especie de bo rollito co que atraer ós consumidores.
A nova páxina pretende promover a socialización deste novo reprodutor, e incluso anuncian concertos en directo no que parece un intento de facer ver que se trata dun reprodutor para a xente moza, que gusta da diversión e dos amigos. Non esquezamos que unha das particularidades do Microsoft Zune é que pode compartir temas con outros reprodutores mediante Wi-Fi, o que sería precisamente a chamada social da que tomarían proveito, para impulsar o novo reprodutor entre grupos de amigos.
O Zune custará uns 249 dólares e contará cunha pantalla de 3 polgadas (fronte ás 2,5 polgadas do reprodutor de Apple) cunha resolución de 320 x 240 píxeles, cunha autonomía de 14 horas para música e 4 horas para vídeo. Tamén destaca por soportar distintos moitos formatos multimedia: Windows Media Audio, MP3, AAC, JPEG e Windows Media Video.
Ademais, incluirá un software que permitirá administrar e reproducir cancións, vídeos e imaxes, gravar CD, crear listaxes de reprodución e incluso importar os novos ficheiros de iTunes e Windows Media Player 11.
A web Zune.net pretende ser así o anzol que faga picar ós novos usuarios, empregando coma cebo grupos moi prometedores coma os brasileiros CSS (Cansei de Ser Sexy), e aproveitando a súa imaxe moderna para lucir o atractivo do novo reprodutor multimedia e anunciar a multitude de accesorios dos que contará.

PUBLICIDADE