O2 comercializará o iPhone no Reino Unido

xoves, 5 de xullo do 2007 Marcus Fernández

A operadora de telefonía móbil británica O2 anunciou o peche dun contrato de exclusividade con Apple para a comercialización do iPhone no Reino Unido, de xeito que os rumores que apuntaban a que Vodafone sería o distribuidor do novo terminal en toda Europa estarían errados, xa que a operadora británica pertence á española Telefónica.
Este anuncio coincide tamén cos rumores de que o 1 de novembro sairá o iPhone en Alemaña da man de T-Mobile (propiedade de Deutsche Telekom), que comercializaría os terminais a 450 euros. Á vista destas novas podería ser que Movistar fose o operador que achegase o iPhone a España, aínda moitos indicios (como a incorporación dunha icona de Vodafone no propio firmware do iPhone, que podería estar presente para os servizos de roaming da norteamericana AT&T).
As medidas que casan de por vida o iPhone cunha operadora de telefonía móbil non parece agradar a algúns usuarios, que se están a lanzar á crackear o terminal, de xeito que o popular DVD Jon xa publicou un sistema para liberar parcialmente o iPhone de xeito que se poden empregar as súas funcionalidades de reprodutor multimedia e terminal con conectividade Wi-Fi, no que máis que un divorcio supón unha separación, xa que aínda non abre as funcións de telefonía móbil a operadores distintos de AT&T (o que podería acontecer en breve, se temos en conta que o primeiro crackeo do iPhone saíu en só 3 días).

PUBLICIDADE