ZTE convértese no 5º fabricante de móbiles a nivel mundial

martes, 9 de agosto do 2011 Marcus Fernández

O ZTE Blade é un dos móbiles de máis éxito do fabricante chinés

Cando falamos de grandes fabricantes de teléfonos móbiles tendemos a pensar en fabricantes con nomes como Samsung, Nokia, Apple, LG ou HTC, pero existen outras compañías con menos sona que tamén conseguen ter un éxito significativo, e así o fabricante chinés ZTE, do que temos visto moitos terminais comercializados baixo a marca dos múltiples operadores de telefonía, anunciou que xa sacou das súas fábricas 60 millóns de terminais, dos que 35 millóns foron na primeira metade do ano, o que supón un incremento da produción realmente impresionante.
Entre os terminais de máis éxito da compañía estaría o ZTE Blade, un móbil con Android 2.1 que pode adquirirse en España a través de Yoigo conservando o seu nome orixinal aínda que nalgúns países tamén está á venda como Orange San Francisco, que estaría a colocar unha media de 16.000 terminais ao día en China (pretendendo rematar o ano con 5 millóns de unidades vendidas a nivel global).
Para conseguir este éxito internacional ZTE chegou a acordos con multitude de operadores, cunha presenza moi importante en países como Brasil, e o informe do mes de xullo de IDC sobre o mercado global de telefonía móbil sitúa a ZTE no 5º posto de fabricantes de móbiles, e durante o que resta de ano pretenden sacar máis de 30 modelos de móbiles novos, entre os que figuran smartphones de gama alta como o SKATE (dispositivo con Android 2.3 e pantalla de 4,3 polgadas) e incluso terminais con Windows Phone 7.

PUBLICIDADE