YouTube estrea versión para móbiles

luns, 18 de xuño do 2007 Marcus Fernández

Se algo lle faltaba ó servizo de vídeos YouTube era a ubicuidade, e finalmente estrean a súa funcionalidade que achega os clips creados polos seus usuarios ós móbiles mediante unha versión da súa web en xHTML e que remite os vídeos mediante streaming ós terminais móbiles que soporten ficheiros 3GP con vídeo en H263 e son en formato AMR, ou sexa, a meirande parte dos dispositivos 3G que hai no mercado.
Cando un accede a esta nova web dende o móbil atopa unha advertencia na que recomendan contratar un plan de datos con tarifa plana se temos pensado ver vídeos (porque o seu consumo de tráfico de datos podería saírnos caro a finais de mes) e tamén informan de que non están accesibles tódolos vídeos de servizo, aínda que si unha boa mostra que dende o móbil presentan unha calidade máis que aceptable (dado o pequeno tamaño das pantallas dos móbiles).
Se os operadores de telefonía lanzan as ofertas axeitadas (que non penalicen a visualización de vídeos) poderiamos estar ante a killer application dos móbiles 3G, pois incrementaría a oferta de vídeos para o móbil dun xeito abraiante, o que podería disparar tamén o seu consumo.

PUBLICIDADE