Yoigo quere chegar ás 300 tendas a finais de ano

xoves, 18 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

A operadora Yoigo vaise consolidando paseniño pero sen pausa en España, sobre todo grazas ao constante fluxo de clientes descontentos coas tres empresas que seguen a cortar o pastel: Movistar, Vodafone e Orange. As bazas de Yoigo, que con todo aínda ten moito camiño que percorrer para facerlles unha competencia máis directa, son as mesmas coas que saíu do seu punto de partida: achegar o que cada día lles falta máis ás grandes operadoras, a proximidade e a sinxeleza. Segundo vén de anunciar a propia empresa, a súa rede de infraestruturas non para de medrar e, por exemplo, xa se chegou á cifra de 100 establecementos exclusivos abertos en todo o territorio español.
A cifra, que pode que non resulte espectacular, si que ten o seu interese se pensamos que o primeiro local deste operador, cuarto en importancia en España, abriu as portas en xuño de 2008, na rúa Sagasta de Madrid, distribuíndo logo os seus establecementos en 72 localidades de 31 provincias españolas. A idea, neste senso, é chegar ás 300 tendas antes de que remate o ano. Todo un reto.
Por certo que en Galiza, a presenza de Yoigo limítase polo de agora á Coruña (con dous establecementos) e a Ferrol (con outros dous).
Segundo informa Yoigo, o elevado de ritmo de apertura de locais responde a unha razón ben concreta: a boa acollida que a oferta da compañía está a ter no mercado. “Até o intre de abrir a primeira tenda”, informa a empresa nun comunicado, “dispoñiamos de acordos con varias cadeas de distribución e centros comerciais, e ademais era salientable o feito de que facía o 35% das súas vendas a través de canles de baixo custo como o teléfono ou a tenda en liña da páxina web, tienda.yoigo.com”.

PUBLICIDADE