Yoigo comeza a utilizar a infraestrutura de Movistar

mércores, 28 de maio do 2008 Marcus Fernández

Resultado dunha proba de velocidade cunha conexións de Yoigo a través da rede de Movistar

En marzo a operadora de telefonía móbil chegou a un acordo con Movistar para empregar a súa infraestrutura para achegase aos seus clientes alí onde non conte con infraestrutura propia (lembremos que Yoigo é a cuarta operadora 3G), de xeito que o 1 de xuño deixaría de empregar a rede de Vodafone, pero dende onte moitos usuarios de toda España (incluíndo Galicia) están a detectar que xa se poden conectar a través da rede de Movistar, o que nun principio parece ter unha consecuencia imporante: unha mellor velocidade de acceso á Internet dende o móbil.
Este último detalle estaría por confirmar, pero varios usuarios xa fixeron probas de conexión a través de Yoigo conseguindo velocidades propias de HSDPA, aínda que todo apunta a que a conectividade se limitará ao UMTS (ou sexa, a 384 Kbps).
Ata o momento Yoigo estaba a recibir fortes críticas pola súa mala conexión á Rede (na meirande parte do territorio só permitía conexións GPRS pouco estables), o que facía que a súa tarifa de 1,20 euros/día sen límite de tráfico perdese a súa utilidade, pero que de confirmarse a mellora de velocidade podería alzarse como unha opción atractiva para acceder á Internet con mobilidade sen ter que contratar unha tarifa plana mensual e sen contar limitacións de transferencia diaria (coma os 100 Mbytes que teñen coma límite os usuarios de Simyo).

PUBLICIDADE