Yoigo agasallará mensaxes de texto cando supere a liña dos cen mil clientes

xoves, 22 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

Yoigo semella que segue na liña de marcar a diferenza co resto das operadoras que traballan en España. Primeiro foi a negativa a subir os prezos dos establecementos de chamada, mentres os seus competidores parecían pórse de acordo para subilos ó mesmo tempo, e agora vén de anunciar que agasallará mensaxes curtas de texto en canto pase a liña dos cen mil clientes. A medida, que non é a solución a tódolos problemas que teñen os usuarios de telefonía móbil pero que dificilmente vai ser rexeitada, podería ser posta en marcha en breve, tendo en conta que a empresa xa anda polos 93.000 clientes e polas máis de 120.000 solicitudes de alta. Ou sexa: que cuns cantos “descontentos” máis procedentes da competencia, Yoigo terá que abrir a man, e vaino facer xusto a mañá seguinte ó día en que supere a liña dos cen mil. Será, en certa maneira, un xeito de celebrar o éxito que lle reportou non ter participado na subida das tarifas.
Asemade, o cliente número 100.000 recibirá 100.000 segundos de balde en chamadas nacionais e poderá ir de viaxe con tódolos custos pagados á gala final do Festival de Eurovisión que se vai celebrar este ano en Helsinski. Este último agasallo pode que non satisfaga moito a certos clientes (nós persoalmente case preferimos as chamadas de balde e non asistir ó devandito certame de música), pero na nota de prensa de Yoigo non se especifica que haxa que acudir ó festival obrigatoriamente. Sempre podemos dicir que estamos doentes na habitación do hotel e logo percorrer a cidade de arriba a abaixo.

PUBLICIDADE