En marcha na Rede a celebración da IV edición de Língua de amor

martes, 13 de abril do 2010 Raquel Noya

O concurso Língua de amor, que como cada ano (e alá van catro) ten lugar no noso país para conmemorar o Día das Letras Galegas e o Día Internacional da Internet, vai celebrar unha nova edición, desta volta, con dúas modalidades: o Concurso de cancións e o de Declaracións de amor a través da Rede, iso si, coma sempre: en galego.
O principal obxectivo deste concurso segue a ser estender o uso do galego como língua habitual entre a xente moza nas súas comunicacións a través da Rede e que os rapaces e rapazas de Galicia perciban a súa língua como unha língua útil tanto para o día a día como para facer amizades e atopar parella.
Para participar na modalidade de Declaracións de amor a través da Rede, as persoas interesadas deberán enviar unha mensaxe que conteña unha declaración de amor en galego, que poderá estar escrita en prosa ou en verso (dependendo da inspiración do autor ou da maña que se dea este coas rimas).
A extensión máxima da mensaxe deberá ser de 350 caracteres, incluídos os espazos en branco e cada participante poderá enviar unicamente dúas mensaxes. O xurado terá en conta o grao de elaboración e a orixinalidade da mesma.
Nesta modalidade, a organización do concurso establece dúas categorías: unha para persoas de entre 14 e 19 anos e outra para aquelas que teñen entre 20 e 35 anos.
Para poder enviar as mensaxes é necesario rexistrarse previamente na páxina do concurso para o cal se deberá cubrir un formulario de inscrición como data límite antes do vindeiro 28 de maio.
Asemade, as persoas que queiran participar só como votantes tamén se deberán rexistrar na páxina oficial do concurso; o periodo de votacións estará aberto dende o 29 de maio ata o 6 de xuño.
Os autores e autoras das mensaxes escollidas polo xurado de entre as 100 máis votadas pola comunidade internauta recibirán, na categoría A, un computador portátil Netbook para o primeiro, unha consola Nintendo DSI XL para o segundo e unha cámara de fotos dixital para o terceiro: mentres que na categoría B, os premios serán un computador portátil Netbook, unha cámara de vídeo dixital e unha Nintendo DSI XL para o primeiro, segundo e terceiro respectivamente.
Ademais destes premios, todas as persoas recibirán un lote de libros e música en galego.
Na modalidade de cancións en galego, as persoas participantes deberán elaborar unha canción cuxo contido estea relacionado coa temática deste concurso: o amor (á parella, á familia, á terra, aos animais, á lingua…), o desamor, a amizade, as relacións persoais…Asemade, tamén se poderán musicar poemas de amor da literatura galega.
Nesta modalidade do concurso poderán participar todas as persoas ou grupos que o desexen, sen límite de idade, porén o concursante deberá ser obligatoriamente o artista ou intérprete e o autor da maqueta presentada a concurso, aínda que poderá estar acompañado na interpretación por outros músicos, que non serán considerados concursantes.
O estilo das cancións é libre e a organización non admitirá, como é lóxico, cancións que inciten ao racismo, á xenofobia, á homofobia, a calquera tipo de violencia, fagan apoloxía do racismo, do terrorismo ou que atenten contra a dignidade das persoas.
As cancións deberán ser orixinais e non poderán estar suxeitas a ningunha obriga contractual previa; e aquí, cada autor si que poderá participar co número de obras que considere oportuno, sen límite establecido.
As maquetas das cancións deberán enviarse a través da páxina web do concurso en formato audio (.mp3 cun máximo de 7 MB) ou vídeo (.mov cun máximo de 14 MB).
Para poder enviar as maquetas tamén é necesario rexistrarse na páxina do concurso, para o que se deberá cubrir o formulario de inscrición.
Segundo informan dende a organización de Língua de amor, “os autores e autoras ceden gratuitamente os dereitos das súas cancións para facer uso delas sen fins comerciais coa
finalidade de promover o concurso durante este ano ou en convocatorias posteriores”.
A data límite para o envío de cancións tamén é o 28 de maio e o periodo de votacións permanecerá aberto dende o 29 de maio ata o 6 de xuño.
O xurado do concurso reunirase unha vez rematado o prazo de votación, e elixirá as cancións gañadoras de entre as 20 máis votadas polos usuarios e usuarias.
Os premios desta modalidade consisten nun computador portátil Netbook, un iPod de 3ª xeración e unha consola Nintendo DSI XL, así como un lote de libros e música en galego para tódalas persoas participantes.
Tanto os gañadores desta modalidade como os da modalidade de declaracións de amor recibirán os seus premios o vindeiro 12 de xuño, nunha entrega oficial que terá lugar en Santiago de Compostela.

PUBLICIDADE