Samsung recupera a posición líder na venda de móbiles

luns, 15 de abril do 2024 Marcus Fernández

Os últimos datos trimestrais sobre o mercado dos teléfonos móbiles manexados pola consultora IDC reflicten un incremento do sector do 7,8%, o que apuntaría cara a unha recuperación, aínda que as marcas experimentan estes cambios de xeitos moi desiguais.
Temos así como Apple tivo unha caída na súa conta de mercado, quedando nun 17,3%, o que permitiu a Samsung recuperar o seu liderado co 20,8% das vendas trimestrais, aínda que ambas compañías caeron en vendas (en diferente medida). Temos así que a caída de Samsung foi de só o 0,7%, mentres que Apple caeu un 9,6% en unidades vendidas, o que pode considerarse un duro golpe para a compañía da mazá.
Xa non sorprende ver a Xiaomi ocupar a 3ª posición mundial en vendas, cun 14,1% do mercado, aínda que o feito de rexistrar un crecemento do 33,8% é algo digno de mención, como tamén acontece co 4º fabricante a nivel mundial, Transsion, cunha conta de mercado do 9,9%, que sorprende polo seu impresionante crecemento do 84,9%, aínda que cómpre salientar que as súas marcas (como Tecno) carecen de distribución na meirande parte da Unión Europea.
Completa o Top 5 de IDC o fabricante chinés Oppo cun 8,7%, que pese a ter caído un 8,5% en vendas, aínda ten bastante peso mundial, provocado principalmente pola relevancia na China.

PUBLICIDADE