Xa se vende nos EE.UU. o Asus Eee PC

venres, 2 de novembro do 2007 Marcus Fernández

Despois dalgunhas demoras o Asus Eee PC xa é unha realidade, e comeza a comercializarse no mercado norteamericano, adiantándose sobradamente ó portátil XO da Fundación OLPC aínda que cun prezo superior.
O subnotebook de Asustek é un equipo pensado tanto para nenos como para usuarios que queiran contar cun equipo de grande portabilidade e prezo reducido, aínda que a versión que comezou a venderse nos EE.UU. custa 399,99 dólares (agárdanse versións reducidas de 349 e 299 dólares).


Desempaquetado dun Eee PC

O Eee PC que chegou ás tendas estadounidenses conta cun procesador Intel, 512 Mb de memoria RAM, 4 Gb de disco Flash, conectividade Wi-Fi e USB, porto para un monitor externo e unha pantalla LCD de 7 polgadas sobre a que se sitúa unha cámara web. O equipo inclúe de serie unha distribución de Linux, pero antes de rematar o ano se agarda poder comercializalo tamén con Windows XP.
O fabricante destes equipos agarda vender 1 millón de unidades para os nenos de países en vías de desenvolvemento, aínda que dá a impresión de que os subnotebooks resultarán tan rechamantes para os rapaces como para os amantes da tecnoloxía que queiran contar cun equipo de alta mobilidade para tarefas básicas.

PUBLICIDADE