Windows 11 permitirá empregar o noso móbil como webcam

venres, 1 de marzo do 2024 Marcus Fernández

Windows 11 está a recibir novidades moi interesantes, aínda que varias das mesmas están a ter unha chegada moi irregular en Europa, xa que dependen de funcións derivadas do uso da IA, polo que Microsoft está a ser prudente á hora de integrar o Copilot non seu sistema operativo.
Entre as novidades que chegan este mes a Windows temos unha importante renovación do Copilot ao integrar novos engadidos e novas habilidades, aínda que outras funcións van resultar máis visibles para certos usuarios como o feito de que a aplicación de Fotos está a integrar o borrado xenerativo (para poder eliminar obxectos nas nosas fotografías) e a aplicación de Clipchamp está a incorporar unha opción de borrado de silencios (axilizando o fluxo de traballo cando queremos crear vídeos nos que as pausas poidan cortar o ritmo).
A interacción entre Windows 11 e os móbiles con Android tamén está a mellorar de distintos xeitos, sendo o máis relevante a posibilidade de aproveitar a cámara do noso smartphone como cámara web no ordenador sen ter que empregar unha aplicación de terceiros. Esta función resulta moi práctica se estamos nun equipo sen webcam, ou se a cámara incluída no noso ordenador ten pouca calidade.

Poder empregar o móbil a xeito de webcam é unha das grandes novidades que están a chegar a Windows 11

PUBLICIDADE