Vodafone tamén comercializará o iPhone no Reino Unido

martes, 29 de setembro do 2009 Marcus Fernández

Vodafone xa inclúe ao iPhone na súa páxina web británica

O anuncio de que O2 perde a exclusividade da distribución do iPhone 3GS no Reino Unido grazas a un acordo de Apple con Orange non queda só, e agora é Vodafone a operadora que confirma que tamén vai comercializar o móbil de Apple nas illas británicas, aínda que neste último caso non será ata primeiros de 2010 cando a operadora británica comece a vender os móbiles de Apple (pese a que xa permiten inscribirse para recibir información sobre o iPhone 3GS dende a súa páxina web).
O feito de que o iPhone 3G e o 3GS vaia ser comercializado por O2, Orange e Vodafone no mesmo país podería mellorar as vendas do terminal de Apple á vez que provocaría unha guerra de prezos, beneficiando así aos consumidores (que terán tamén máis opcións á hora de cambiar de operadora).
Aínda que esta non será a única nova que afectará ao sector das telecomunicacións no Reino Unido, onde Orange e T-Mobile estarían a negociar a súa fusión, superando así en tamaño a O2 e Vodafone.

PUBLICIDADE