Vodafone suprime o cobro polo roaming en Europa aos seus clientes británicos durante o verán

xoves, 14 de maio do 2009 Marcus Fernández

Vodafone vén de anunciar que os seus clientes británicos poderán viaxar tranquilos por Europa, Australia e Nova Celandia grazas a unha promoción de verán na que suprimira os cargos polo servizo de roaming, de xeito que dende o 1 de xuño ata o 31 de agosto poderán facer uso do seu móbil nos países da incluídos na promoción coma se estivesen no Reino Unido. Pese a que esta promoción polo momento só está anunciada para o Reino Unido, non sería sorprendente que se replicase en boa parte dos países europeos nos que Vodafone ten presenza.
Os países incluídos nesta promoción serían Albania, Andorra, Austria, Bélxica, Bosnia, Bulgaria, Croacia, Chipre, República Checa, Dinamarca, Estonia, Finlandia, Francia, Alemaña, Xibraltar, Grecia, Hungría, Islandia, Italia, Letonia, Liechtenstein, Lituania, Luxemburgo, Malta, Mónaco, Noruega, Polonia, Portugal, Irlanda, Romanía, San Marino, Eslovaquia, Eslovenia, España, Suecia, Suíza, Países Baixos, Cidade do Vaticano, Nova Celandia e Australia.
Amais, os clientes británicos de Vodafone tamén poderán chamar aos seus amigos e familiares no estranxeiro a só 5 peniques/minuto a partir do 15 de maio de apuntarse a un novo plan de chamadas internacionais, facilitando así as comunicacións durante o verán.

PUBLICIDADE