Vodafone e Orange dan o mellor servizo 4G de España

xoves, 24 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Táboa na que indican a situación do 4G en España

OpenSignal vén de publicar un informe sobre o estado da tecnoloxía 4G a nivel mundial, dando conta da cobertura e a velocidade que conseguen os distintos operadores en cada país baseándose nunha aplicación para smartphones iOS e Android (instalada nun total de 325.221 dispositivos) e conseguindo así uns resultados bastante reveladores no caso español, onde Vodafone conseguiría destacar cunha cobertura de LTE do 56% e unha velocidade de 25 Mbps, adiantando lixeiramente a Orange (que consegue unha mellor cobertura, o 59%, pero cunha velocidade inferior, 18 Mbps) e Movistar (cunha cobertura do 52% e unha velocidade de 21 Mbps) e conseguindo unha maior distancia con respecto a TME (cunha cobertura do 49% e unha velocidade de 19 Mbps) e a Yoigo (cunha cobertura do 37% e unha velocidade de 15 Mbps).
Sorprende ver así como Vodafone e Orange conseguen gañar en velocidade e cobertura a Movistar, aínda que os tres grande operadores conseguen uns resultados bastante bos en termos xerais, marcando unha grande distancia con respecto a Yoigo. Estes resultados non só na liña dos nosos países veciños, senón que incluso teriamos mellores resultados que Portugal, Francia, Reino Unido ou Italia en velocidades e cobertura. A situación europea é moi superior en todos os aspectos á dos EE.UU., pero quedaría a unha grande distancia de Corea do Sur, onde hai operadores cunha cobertura do 96% e velocidades de 34 Mbps (superando todos os operadores os 25 Mbps).
Se atendemos ás coberturas de LTE a nivel global teriamos que España quedaría nunha posición por debaixo da media, posiblemente en consecuencia das complicacións que xurdiron polo adiamento da liberación do dividendo dixital, xa que, en contraste, gozamos das conexións 4G máis rápidas da mostra tomada, quedando nun digno 11º posto, por detrás de países como Singapur, Corea do Sur ou Dinamarca, e por diante de Holanda, Finlandia, EE.UU. e o Xapón.
Os datos publicados corresponden ao período comprendido entre xuño e agosto de 2015, polo que é de agardar que de aquí a finais de ano o caso español sexa radicamente no aspecto máis crucial, a cobertura, que mellorará moito grazas ao uso da banda dos 800 MHz.

PUBLICIDADE