Vodafone converte o Crowne Plaza Barcelona no primeiro hotel do ámbito estatal con rede 5G comercial

martes, 27 de outubro do 2020 S. P.

O establecemento hoteleiro Crowne Plaza Barcelona vai pasar á historia como primeiro hotel con servizos 5G comerciais. E farao da man da operadora Vodafone e o seu despregue de 5G nas cidades principais do eido estatal. Este “privilexio” tradúcese nun especialmente avanzado servizo de telecomunicacións para os clientes, que coa presenza de rede 5G nas principais salas do hotel e zonas comúns poderán facer descargas con velocidades de 1 Gbps. Grazas a isto, informa Vodafone, terán á súa disposición as máis avanzadas tecnoloxías de Realidade Aumentada, Realidade Virtual e vídeo-mapping.
A operadora quere pór de manifesto a súa vontade de botar unha man ao sector hoteleiro local, que foi un dos máis afectados pola crise sanitaria pero que pode atopar novos escenarios de recuperación e actividade grazas ás posibilidades (para as empresas e para os seus clientes) que poñen en xogo as tecnoloxías avanzadas de xestión e telecomunicación. Laura Molist, directora territorial de Vodafone en Cataluña e Aragón salientou que “as novas capacidades e servizos que permite a rede 5G poden ser unha das claves na reactivación da industria dos eventos e o turismo en España tras o confinamento”. Este acordo con Crowne Plaza Barcelona, engade, “é unha mostra máis do noso propósito de transformar múltiples sectores de actividade económica co 5G e a dixitalización para que as empresas poidan ser máis eficientes e sustentábeis nos seus procesos, e contribuamos tamén á recuperación económica do país”.
O hotel Crowne Plaza Barcelona - Fira Center atópase no corazón de Montjuïc, unha das zonas máis populares da cidade. Situado entre a famosa praza de España e Gran Vía, atópase moi preto da Fonte Máxica de Montjuïc, o Estadio Olímpico e o Castelo de Montjuïc. Forma parte de Intercontinental Hotels Group (IHG), unha das empresas hostaleiras líderes no mundo.

PUBLICIDADE