Vodafone 360 estrearase con 2 terminais baseados en Linux

xoves, 24 de setembro do 2009 Marcus Fernández

Vodafone 360 é a nova estratexia do operador británico de telefonía móbil, que fai unha firme aposta polo sistema operativo Linux, máis concretamente pola versión desenvolvida pola Fundación LiMo, e que polo momento chegará con dous terminais telefónicos: o Vodafone 360 H1 (terminal de alta gama) e o Vodafone 360 M1 (con prestacións máis discretas).
Xa polo miúdo podemos detallar que o Vodafone 360 H1 é un terminal fabricado por Samsung que conta cunha pantalla AMOLED táctil de 3,5 polgadas, cunha resolución de 800 x 480 píxeles, 16 Gb de memoria interna, Wi-Fi, HSDPA, Bluetooth 2.0, cámara de 5 Mpíxeles con flash, enfoque automático e gravación de vídeo a 720p, GPS integrado, correo electrónico push, reprodución de vídeo en MPEG-4, H.263, H.264, DivX, XviD e WMV, música en MP3, AAC, WMA e AMR, soporte de tarxetas microSDHC de ata 32 Gb, sintonizador de radio FM con RDS e unha batería de 1.500 mAh, que achégalle unhas 10 horas de autonomía en conversa.
Pola súa banda, o Vodafone 360 M1 é tamén un terminal fabricado por Samsung, pero a súa pantalla táctil redúcese ata as 3,2 polgadas (e emprega tecnoloxía TFT), emprega coma memoria unha tarxeta SD de 1 Gb e a súa cámara é de só 3 Mpíxeles. Aínda que inclúe GPS, Bluetooth 2.0 e HSDPA, carece de Wi-Fi. Estariamos así ante un terminal que gozaría do sistema operativo de LiMo, pero cunhas prestacións modestas, polo que supomos que terá un prezo moi reducido, converténdose nun dispositivo atinado para os usuarios menos esixentes.
Estes terminais chegarán a España antes do Nadal, aínda que tamén hai que destacar que Vodafone 360 non é só unha gama de terminais móbiles, senón que tamén é unha serie de servizos asociados aos mesmos, cos que buscan a integración do PC, a Internet e o móbil.


Anuncio de Vodafone 360

PUBLICIDADE