Vitae e CPEIG organizan a 2ª edición do seu curso sobre avaliación e selección de perfís TI

martes, 6 de febreiro do 2024 S. P.

Vitae Consultores e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) volven xuntar forzas neste arranque do ano para ofrecernos máis formación avanzada con recursos para mellorar a nosa actividade tanto na vertente profesional como na empresarial. Estamos a falar da segunda edición do curso gratuíto Avaliación, Selección, Captación e Retención de Perfís TI (Unha visión de Recursos Humanos e a Psicoloxía do Traballo). O curso desenvolverase o vindeiro 23 de febreiro, en horario de tarde (de 17.00 a 19.00 horas), na Cidade das TIC (A Coruña). A primeira edición realizouse o ano pasado en Compostela. O relator será Marcos Carbonell, socio director de Vitae. As inscricións cómpre facelas a través da conta de correo informacion@cpeig.gal.
Nesta nova entrega falarase das claves para seleccionar e captar a profesionais TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) e dos recursos para retelos, motivalos e avalialos dende dous puntos de vista: o científico (que nos proporciona a Psicoloxía do Traballo) e o punto de vista dos Recursos Humanos, é dicir, do día a día, pois con só un punto de vista non se poderán acadar resultados fiábeis nin perdurábeis no tempo.
Como dixemos, o curso virá da man de Marcos Carbonell, profesional con máis de tres décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías e os recursos humanos. Carbonell é diplomado en Empresariais, mestrado en Recursos Humanos e posgrao en Marketing e en Organización de Empresas. Dende 2006 é socio director de Vitae Consultores e tense responsabilizado, directa ou indirectamente, de máis de 1.000 procesos de selección cunha taxa de máis dun 90% de éxito.

PUBLICIDADE