O iPad tamén terá que contar con tendas de aplicacións de terceiros en Europa

luns, 29 de abril do 2024 Marcus Fernández

Cando se anunciou a listaxe de empresas gardiás ou gatekeepers que terían que someterse á Lei de Mercados Dixitais na Unión Europa, resultaba curioso ver como no ámbito dos sistemas operativos figuraba iOS, ou sexa, que nos dispositivos móbiles de Apple só teríamos medidas para favorecer a competencia e a liberdade dos usuarios nos teléfonos e non nas tabletas.
Finalmente a Comisión Europea decidiu corrixir tal irregularidade, e anuncia a incorporación de iPadOS dentro da listaxe de gatekeepers da Lei de Mercados Dixitais, dando a Apple 6 meses para que o sistema operativo das tabletas goce dos cambios que xa están en iOS, como permitir tendas de aplicacións de terceiros.
A Comisión tamén asegura que o pasado 1 de marzo recibiu notificacións de Booking, ByteDance e X, que apuntarían a que os seus servizos poderían ter un número de usuarios na Unión Europea que os faría ter que someterse á Lei de Mercados Dixitais, polo que o 13 de maio a máis tardar comunicarán se os servizos destas compañías pasarán a ser considerados tamén gatekeepers.

Fortnite ultima o seu regreso

Dende Epic Games xa saíron a aplaudir a decisión da Comisión Europea e confirmar que están a traballar a toda velocidade para poder levar Fortnite e a Epic Games Store aos dispositivos móbiles de Apple este ano.

PUBLICIDADE