Unha páxina web permítenos explorar a muralla medieval que rodeaba Santiago de Compostela

mércores, 11 de novembro do 2015 Redacción

O Consorcio de Santiago en colaboración co Concello compostelán recupera a páxina web da muralla de Santiago de Compostela, que permite navegar e coñecer mellor a antiga muralla medieval que rodeaba a cidade.
Froito de diversas investigacións, hoxe posúese moita información sobre o aspecto da antiga muralla e é posible localizar algunhas das súas partes. Así, esta aplicación recolle o resultado dos últimos traballos levados a cabo polo Concello de Santiago.
Esta iniciativa corre a cargo dos arquitectos do Consorcio Pablo Tomé e Idoia Camiruaga, quen explican que “Santiago de Compostela, como toda cidade medieval, estivo delimitada e defendida por unha muralla. Non obstante, sobre todo nos últimos decenios, pensouse que levaba destruída máis dun século. En realidade consérvanse algunhas partes, poucas á vista e a maioría ocultas tralas fachadas dos edificios e baixo o pavimento das rúas e prazas. Ademais, consérvase a súa traza”.
O espazo web proporciona planos e información sobre a historia da muralla: a súa orixe, significado, características, usos e a súa evolución ao longo dos séculos, xa que se derrubou de xeito paulatino durante a segunda metade do século XVIII e no XIX. Tamén se recolle unha galería de mapas, planos de detalle da construción, fotografías antigas da cidade e imaxes actuais do casco histórico, debuxos e mesmo sons e vídeos do fluír de Compostela en diferentes momentos do día, ou un quebracabezas que permite construír a muralla, entre outras posibilidades.
Os arquitectos salientan que “é un complemento informativo sinxelo, tanto para os composteláns como para os visitantes, para coñecer a cidade e indagar na información histórica e documental que se conserva”. Dispón dun mapa que propón dous percorridos pola muralla, un deles accesible dende o punto da mobilidade, e todos as iconas marcan elementos especiais da ruta, relacionados cos actuais espazos urbanos. Ademais, a muralla pódese percorrer en galego, castelán e inglés.

PUBLICIDADE