Unha nova firma de Wayra xestionará as esperas en todas as tendas de Telefónica

luns, 3 de agosto do 2015 Redacción

Telefónica vén de dar a coñecer que a nova empresa Qudini, start-up xurdida de Wayra (palestra de aceleramento empresarial innovador da operadora española) será a encarga de xestionar as esperas e reservas nas tendas da compañía en todo o mundo. Isto implica o espallamento dunha solución de Qudini baseada na nube (primeiro nos establecementos de España e logo no resto da cadea de tendas que a firma ten en Europa e Latinoamérica) que permite que as empresas xestionen mellor e enriquezan as visitas dos clientes finais ás súas tendas, facilitándolles información precisa e actualizacións personalizadas mediante SMS, tickets e pantallas de dispositivos.
Segundo lembra Telefónica, a marca da operadora española no Reino Unido, O2, xa está a tirar proveito da aplicación de Qudini en 270 tendas do país. A empresa decidiu estender os servizos de Qudini dadas as melloras visíbeis na experiencia dos clientes achegadas pola súa solución. En termos concretos, esta foi quen de reducir nun 15% o número de clientes que abandonan cada establecemento.
Os fundadores de Qudini, Imogen Wethered e Fraser Hardy, de 26 e 23 anos respectivamente, coincidiron nun hackathon patrocinado por O2 en marzo de 2012, onde tiveron a idea de resolver as esperas nas tendas tirando partido de tecnoloxía móbil. Tras impoñerse na dita experiencia e obter o apoio de Telefónica, convertéronse no equipo máis novo dos equipos aceptados pola operadora a través de Wayra en Londres. Alí recibiron formación, acubillo e constituíron a empresa. Aproximadamente 9 meses máis tarde creouse Qudini (en marzo de 2013) cun plan de investimento inicial de 150.000 libras (uns 200.000 euros). O seu servizo estrela é a devandita plataforma virtual (na nube) de xestión de esperas e citas. Trátase dunha solución de software como servizo cen por cen configurábel que permite o acceso dos clientes dende calquera dispositivo.

PUBLICIDADE