Unha curta galega, entre as máis vistas da nova edición do Notodofilmfest

venres, 8 de febreiro do 2013 Fernando Sarasketa

O certame audiovisual de curtas notodofilmfest.com, do que temos falado nesta web salientando sobre todo a súa vocación de materializar e manter no tempo o que noutrora fora cualificado de febre de vídeos pola Rede, segue a contar cos creadores galegos para contribuír ao enriquecemento do concurso en si mesmo e máis da propia Internet, vertente creativa. A nosa presenza entre as pezas que compiten no concurso vén, entre outros, da man do vigués Edu Lavandeira, que achega a peza Bukkake, protagonizada por David Perdomo e Estíbaliz Veiga. Segundo nos conta Lavadeira, a curta está a ser, nesta nova edición do certame nacional (se cadra o máis importante da Rede a nivel español), unha das máis vistas polos internautas. De feito, arestora ocupa o terceiro lugar das máis visualizadas entre as máis de 400 pezas audiovisuais que hai a concurso actualmente.
O concurso continúa aberto durante as vindeiras semanas. Segundo nos informan, dos moitos premios en xogo hai un que premia precisamente o devandito, falamos do premio á curta máis vista do festival. A curta de Lavandeira cóntanos a historia, en clave de comedia, dunha parella que se ve ensarillada na práctica sexual denominada Bukkake, de orixe xaponesa, e como unha parte importante do que ten que ver coas culturas orientais, asume a fórmula da colectividade para enriquecer o que normalmente fan poucas persoas (neste caso das prácticas sexuais, decote soen ser dúas). O Bukkake, para os que non estean metidos na materia, consiste en practicar o sexo en grupo a través dunha exaculación colectiva.

PUBLICIDADE