Aberto o prazo de presentación de curtas á quinta convocatoria de Notodofilmfest.com

mércores, 25 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

Se hai un evento relacionado directa e integramente con Internet que sentara unha boa parte dos alicerces do que hoxe se podería chamar a febre de vídeos pola Rede é o festival Notodofilmfest.com, un certame que fala abondo de si mesmo a través do seu propio nome (toda unha vida e un tratado ideolóxico en catro sílabas e un .com), que tamén constitúe un enderezo web.
A quinta edición do festival, que abriu este martes 24 as portas do prazo para a presentación de curtametraxes (ficará aberto até o 10 de xaneiro de 2007), incorpora algunhas novidades. Por exemplo: a presenza do director e guionista Santiago Tabernero substituíndo a Javier Fesser no posto de mandos do certame.
Mais non quedan aí as diferenzas con convocatorias anteriores, xa que se inclúen agora tres novas categorías: Película Documental, Película de Ficción e Película de Animación (mentres prosegue operativo o premio á mellor Película de Tripla Destilación).
Ademais, tamén se incorpora este ano un concurso de curtametraxes que teñan como referencia argumentos e ideas do guionista Rafael Azcona, un dos grandes autores do cinema español (Plácido, El Verdugo).
Polo que respecta ós premios, que inclúen bolsas de estudos na New York Film Academy, cómpre sinalar que se van repartir 35.000 euros. As películas, como de costume, non poderán superar os 3 minutos e medio de duración nin tampouco os 5Mb de peso; sendo de 30 segundos exactos a duración das curtas presentadas á categoría de Tripla Destilación.
O xurado está composto por Javier Fesser, Pablo Llorens, Jaume Balagueró, Daniel Sánchez Arévalo, Javier Corcuera, Matías Bize, Santi Amodeo, Rodrigo Cortés e o propio Santiago Tabernero.
O principal obxectivo deste festival, nado en 2000 por iniciativa de Notodo.com e Javier Fesser, é axudar ós novos talentos a darse a coñecer a nivel internacional a través, precisamente, dunha plataforma que funciona como un grandísimo auditorio onde hai pases a calquera hora: Internet.

PUBLICIDADE