Un de cada tres clientes que reclaman en Facua fano por mor do sector das telecomunicacións

xoves, 17 de xullo do 2008 Raquel Noya

Facua-Consumidores en Acción vén de anunciar que nos seus primeiros meses de 2008 recibiu un total de 2.358 reclamacións por parte dos consumidores españois de telecomunicacións, que denunciaron diversos abusos e fraudes neste tipo de servizos. Este sector, xunto co da vivenda e o dos equipos electrónicos é un dos que máis consultas e reclamacións recibe nas sedes desta organización, pero no que vai de ano a porcentaxe de consumidores que denunciaron a algunha empresa do dito sector chegou a preto do 30 por cento (29,9 por cento), é dicir, un de cada tres reclamacións.
Entre os motivos das reclamacións ás compañías que ofrecen servizos de telefonía e acceso a Internet salientan os atrancos para admitir as solicitudes de baixa dos usuarios, a imposición irregular de penalizacións ante a cancelación dos servizos, a publicidade enganosa, o incumprimento das ofertas e o cobro de servizos non contratados.
A compra e amaño de equipos electrónicos ocupa o terceiro lugar, cun 6,1 por cento de reclamacións e neste sector as queixas están motivadas por incumprimentos por parte de establecementos e fabricantes da regulación en materia de garantías, sobre todo por demoras excesivas nas reparacións e a negativa a substituír aparellos logo de varias reparacións infrutuosas.

Web para informar aos compradores de vivendas de Martinsa-Fadesa
A segunda posición no número de denuncias interpostas en Facua por consumidores descontentos está ocupada polo sector da vivenda, que xerou ao longo dos primeiros seis meses do ano un 8,4 por cento das reclamacións.
É por isto que a organización vén de habilitar no seu portal en Internet unha páxina web para informar exclusivamente aos compradores de vivendas de Martinsa-Fadesa, compañía con sede na Coruña.
Nesta páxina os consumidores poden asesorarse sobre os seus dereitos e acceder ás novas que se están a producir en todo momento sobre o caso.
Entre os contidos da web, Facua incluíu o primeiro decálogo de consellos para dar resposta ás principais consultas que poden propoñerse os usuarios que adquiriron as súas vivendas sobre plano a Martinsa-Fadesa ou que xa as teñen no seu poder e sofren algún tipo de defecto nas mesmas.

PUBLICIDADE