Tuenti Móvil engade 25 minutos de voz á súa tarifa de 9 euros/mes

mércores, 18 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Os operadores móbiles virtuais (OMV) continúan a ofrecer tarifas cada vez máis agresivas, incluso cando pertencen á propia Telefónica, e así temos que Tuenti renova a súa tarifa de 9 euros/mes, mantendo o seu prezo, pero ofrecendo 75 minutos en chamadas (sen establecemento de chamada) en vez dos 50 minutos actuais, mantendo tamén 1 Gb de datos, converténdose nunha das ofertas deste tipo máis atractivas do mercado para usuario que queren gozar dun smartphone e fan un uso reducido/moderado do teléfono para falar.
As tarifas de Tuenti tamén ofrecen a posibilidade de engadirlles 2 Gb adicionais de navegación por 12 euros (Tuenti cobra os excesos de tráfico, polo que é unha opción a ter en conta por parte de certos usuarios). Deste xeito Tuenti mellora a diversidade das súas ofertas, que son iguais en contrato e prepagamento, cunha tarifa de 6 euros/mes (con 1 Gb de datos e chamadas), a mencionada de 9 euros e outra de 16 euros (con 1,5 Gb de datos e 100 minutos en chamadas) que teñen todas un prezo por chamada de 3 céntimos/minuto (cun prezo por establecemento de 15 céntimos). A todos estes prezos habería que engadir o correspondente IVE.
Aínda que Tuenti Móvil iniciou a súa comercialización a través da Internet, dirixíndose a un público mozo, actualmente achégase ao público tamén a través de 588 tendas Movistar e máis de 2.000 establecementos de distintas compañía como FNAC ou Worten.

PUBLICIDADE