Televés comeza en Ourense a súa xira europea, Tour HDTV

luns, 27 de abril do 2009 Raquel Noya

Unidade móbil de Televés

Co principal obxectivo de achegarlle a “televisión do futuro” aos técnicos, distribuidores e profesionais do sector, a compañía compostelá Televes vén de iniciar o seu Tour HDTV, unha iniciativa que leva información sobre a televisión de alta definición por toda Galicia (e toda Europa) nunha unidade móbil dotada de equipos de última xeración deseñada especificamente para este fin.
A compañía galega levará por todo o continente o sinal de televisión de alta definición e brindaralle aos técnicos, profesionais e, en xeral, a toda a poboación interesada, información sobre esta tecnoloxía de vangarda e as ferramentas necesarias para xestionala.
O Tour HDTV de Televes desenvolverá a súa primeira fase en España e Portugal ao longo deste ano e a súa estrea terá lugar mañá, día 28 de abril, en Ourense. A cidade das Burgas acollerá a xira da televisión do futuro diante do almacén de material eléctrico e electrónico Ampasa, na Rúa Río Mao, 39, e alí os técnicos de Televés recibirán aos instaladores e a todos os interesados en achegarse á tecnoloxía que soporta a televisión en alta definición para presentarlle os produtos e solucións desenvolvidas pola compañía.
Despois de Ourense, as seguintes paradas da xira serán as localidades galegas de O Barco de Valdeorras e Pontevedra, para continuar cun amplo percorrido por Portugal, que dará comezo o vindeiro día 4 de maio en Maia.
A comezos de xuño, o tour voltará ao noso país e logo de pasar polas Illas Canarias, volverá a Galicia para facer catro paradas: Lugo, Burela, Ferrol e Lalín.
Posteriormente percorrerá as distintas comunidades españolas e cruzará os Pirineos para pasar por Francia, Alemaña, Italia, Reino Unido, os países nórdicos e os de Europa do Este.
Unha iniciatva con seguimento en liña
A xira poderá ser seguida paso a paso polos internautas, a través da web http://www.hdtv-tour.com/, na que se atopa toda a información relativa ás datas e lugares previstos para cada unha das paradas.
Asemade, o sitio contará cun blog dedicado ás actividades desenvolvidas en cada unha das etapas, que dará conta das novidades e curiosidades que se vaian dando en cada localidade.
Con esta xira europea, Televes reafirma a súa “política de proximidade e apoio aos instaladores e distribuidores”, ao tempo que ratifica a súa “aposta pola alta definición como o formato da televisión do futuro”.

PUBLICIDADE