A Industriosa acolle este 20 de abril un obradoiro de fabricación de placas PCB

mércores, 17 de abril do 2024 S. P.

O centro de tecnoloxías colaborativas e abertas A Industriosa, emprazado en Vigo, acolle este sábado 20 de abril unha nova xeira de espírito maker, a partir das 10.00 horas. Trátase dun obradoiro de fabricación de PCBs (placas de circuíto impreso) usando unha CNC (siglas de Computer Numerical Control).
A cita encádrase nas actividades destinadas a materializar os proxectos que saíron da II Convocatoria de Proxectos Tecnolóxicos. Este proceso xa permitiu contar cos primeiros prototipos con protoboars ou kits de desenvolvemento, pero agora, sinalan dende A Industriosa, “xa chegou o momento de deseñar e producir as nosas placas para os microcontroladores, compoñentes electrónicos (principalmente SMD), sensores, conexións... de forma loca”l.
A idea do taller é aprender os pasos para xerar os ficheiros gcode, usando software libre, necesarios para fresar as nosas placas usando unha CNC controlada con GRBL.
Ademais “veremos os materiais que necesitaremos ter no noso fab lab, así como o postprocesado que deberemos facer para preparalas antes de empezar a soldar”, engaden.
O obradoiro terá unha duración de 2 horas, e logo xa tempo para que os participantes fagan as súas primeiras placas.
Recoméndase aos asistentas traer cadanseu portátil con KiCad e Gimp instalado.
As inscricións están abertas a través de Meetup.
Esta actividade está patrocinada pola Xunta de Galicia e pola Axencia Para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA).

PUBLICIDADE