Telefónica reforza duramente a súa presenza en Brasil

xoves, 29 de xullo do 2010 Raquel Noya

Logo de varias semanas de duras negociacións, con tira e afrouxas que non chegaban a bo porto (e con ruptura de conversacións incluída), Telefónica vén de acadar un acordo con Portugal Telecom para a adquisición do 50 por cento de Brasilcel, firma que pertencía á operadora portuguesa e sociedade que ten a maioría na operadora brasileira Vivo. Deste xeito, Telefónica controlará totalmente Brasilcel e, a través dela, a maioría do capital de Vivo.
Agora, grazas a esta adquisición, Telefónica convérsese en “líder indiscutible do mercado de telecomunicacións de Brasil”, un dos países máis prometedores de América Latina e no que xa viña operando dende o 1999.
A entidade resultante da combinación de Telesp e Vivo será, en consecuencia, o maior operador integrado de Brasil, tanto por clientes (69,2 millóns ata marzo de 2010) como por ingresos (11.800 millóns de euros en 2009).
O presidente de Telefónica, César Alierta, manifestou publicamente a súa satisfacción por ter acadado este acordo con Portugal Telecom e asegurou que se trata “dunha oportunidade única de creación de valor”.
A nova compañía contará, como non podía ser doutra maneira, cun importante potencial de crecemento nun mercado en expansión de 192 millóns de habitantes, e nunha sociedade (a brasileira) que segundo Alierta, “demostrou ser moi receptiva ás novas tecnoloxías”.
Os responsables do acordo prevén que xa no primeiro ano, esta adquisición “vai ter un impacto positivo” tanto nos resultados como na xeración de caixa de Telefónica e aseguran que, “malia que non foi unha operación barata, o certo é que a rendabilidade de Vivo compensará o desembolso”.
A compañía ofreceu inicialmente uns 5.700 millóns de euros polo capital luso en Brasilcel; posteriormente elevou a oferta a 7.150 millóns e finalmente pagará 7.500 millóns de euros, cifra que irá adiantando ata completar o pago en novembro de 2011.
Mediante esta acción, Telefónica logra o obxectivo estratéxico de “reforzar o seu potencial de crecemento en Brasil”, ao tempo que mantén todos os compromisos adquiridos cos seus accionistas, incluíndo o aumento continuado do dividendo ata un mínimo de 1,75 euros por acción en 2012.

PUBLICIDADE