Telefónica podería vender un iPhone con 3G a partir de maio de 2008

luns, 12 de novembro do 2007 Marcus Fernández

A chegada do iPhone a Reino Unido e Alemaña está a causar furor, e a finais de mes tamén chagará a Francia, pero o móbil de Apple tardará en chegar ó resto de Europa por dificultades para atender á impresionante demanda que está a ter este dispositivo, pero a paciencia en países coma España se podería compensar con novas prestacións pois, como xa apuntamos en setembro, parece confirmado que Telefónica distribuirá en maio un novo iPhone que contará con tecnoloxía 3G, o que supón unha mellora realmente importante que fai posible unha banda larga móbil con boa cobertura (xa que os terminais actuais só funcionan con conectividade móbil GPRS/EDGE, aínda que a complementan con Wi-Fi).
A confirmación do lanzamento do iPhone por parte de Telefónica chega desta volta da web SevenClick, onde se comenta que non está pechado o acordo de distribución entre Apple e Telefónica, pois entre outras cousas a operadora estaría procurando reducir a marxe de ingresos sobre so contratos subscritos con iPhone que irían a parar a Apple (fálase dun 30%).
Como aconteceu coa noticia publica en setembro polo ABC, a información de SevenClick tamén provén de fontes non oficiais, polo que ata que se formalicen os acordos entre Apple e Telefónica non se agarda un anuncio co calendario de lanzamentos europeos do iPhone para 2008.

Novo firmware

O lanzamento británico do iPhone veu acompañado coa versión 1.1.2 do firmware do móbil de Apple co que se pretendía evitar o sistema de liberación do terminal mediante a simple visita a unha páxina web (así como para mellorar o soporte lingüístico internacional do móbil) pero xa comezan a aparecer novos métodos para liberar os terminais acabados de chegar ó mercado europeo (tamén válido para os iPod Touch).

¿Problemas de radiación?

Pero a chegada do iPhone a Europa tamén está a dar lugar a informacións negativas que van dende críticas ás carencias do móbil de Apple ata a dúbidas sobre a súa seguridade, pois empresas coma Exradia (fabricante de baterías para móbiles) que denuncian que «Apple elixiu ignorar» o potencial problema para a saúde que poderían supor as emisións por radiofrecuencia que chegan dos terminais móbiles, aínda que a credibilidade deste anuncio sensacionalista parece responder ó feito de que Exradia comercializa solucións que neutralizan a suposta ameaza dos campos electromagnéticos sobre as células humanas e que, non se poden empregar no iPhone.

PUBLICIDADE