Telefónica levará Internet por fibra óptica ao polígono de Morás

luns, 13 de xullo do 2009 Raquel Noya

As empresas do polígono de Morás, situado na zona empresarial de Arteixo, terá garantizado o servizo de Internet por fibra óptica se Telefónica cumple finalmente o que anunciou a pasada semana.
Os responsables da operadora nacional aseguran que “aínda non poden precisar os prazos” porén garanten que será a fibra óptica a que distribúa os servizos de telefonía e Internet posto que, engaden, “é a tecnoloxía con maior calidade”.
A chegada de Internet a este parque empresarial, que previsiblemente se convertirá nun dos maiores de Galicia en breve, é unha das mellores novas que lle puideron dar estes días aos empresarios da zona xa que dende que o proxecto se fixo oficial, a ubicación e a orografía do polígono era un obstáculo considerable para a instalación da Rede a un prezo asequible.
As cousas xa comezaron a tornar doutra cor cando o Programa de Extensión de Acceso á Banda Larga (PEBA) do Ministerio de Industria incluía á parroquia de Morás nas súas previsións e sinalaba outubro de 2008 como prazo para a chegada da alta velocidade á comarca. Isto, que aínda hoxe non se ten cumplido, supuxo unha alegría para os empresarios da zona, e únese agora á “promesa” de Telefónica de levar a banda larga ao Polígono industrial por medio da fibra óptica, unha tecnoloxía que se prevé como a “máis económica” para abastecer de Internet á zona.
O tempo dirá se finalmente o polígono de Morás, cun emprazamento fundamental para as empresas de distribución de diferentes produtos, contará con Internet de alta velocidade para poder competir en igualdade de condicións con outras áreas industriais.

PUBLICIDADE