Telefónica impulsa as xeiras de HackForGood que se celebran esta semana en todo o Estado

luns, 22 de febreiro do 2016 Fernando Sarasketa

A nova edición das xuntanzas HackForGood, impulsadas por Telefónica, promete ser unha das grandes citas TIC da tempada de eventos relacionados coas novas tecnoloxías nas súas múltiples facetas. Por que? Pois porque vai xuntar en campus de todo o ámbito estatal (25, 26 e 27 de febreiro) centos de estudantes e futuros profesionais da Sociedade da Información que nos agarda, e tamén porque o van facer (xuntarse) para adquirir coñecemento e formación e, sobre todo, para traballar a prol dun mundo mellor a través das novas tecnoloxías. A través das novas tecnoloxías e cousas concretas como a información masiva (Big Data) ou a busca de novas aplicacións sociais e solidarias. HackForGood 2016 celébrase de maneira simultánea en 14 sedes coa concorrencia dun milleiro de estudantes de 20 universidades de toda España, incluída a de Vigo.
Esta será a cuarta edición do HackForGood, a segunda consecutiva na que este encontro de programadores organizado por Telefónica se celebra en Vigo. A iniciativa está impulsada pola Escola Técnica Superior de Telecomunicación da Universidade Politécnica de Madrid; a Fundación Hazloposible e a nova empresa MashmeTV, e conta co apoio da Rede de Cátedras Telefónica, entre as que se atopa a da Universidade de Vigo.
O hackaton HackForGood recoñecerá o labor dos equipos que desenvolvan as mellores aplicacións tecnolóxicas en Vigo, Madrid, Barcelona, Valencia, Alacante, Murcia, Cidade Real, Sevilla, Málaga, As Palmas de Gran Canaria, Cáceres, Salamanca, Valladolid e León. Por estas mesmas datas, como lembraremos, Telefónica e a Universidade de Vigo daban a coñecer os galardóns para as iniciativas galegas Pulsafe, Sanet, Ancianos SOS, GreenScouter e Espectrofotómetro.
HackForGood é un evento promovido por Telefónica e organizado xunto á ETSE de Telecomunicación da Universidade Politécnica de Madrid, a Fundación HazloPosible e a start-up MashmeTV co apoio da Rede de Cátedras Telefónica no que centos de Hackers ForGood propoñen retos e desenvolven solucións para construír un mundo mellor. En palabras de Teléfonica, a idea é convocar xente positiva e entusiasta, “con ganas de facer cousas”, co fin de crear solucións innovadoras para os problemas que aínda ninguén foi quen de resolver. A operadora engade que en 2016, os retos de HackForGood virarán ao redor da utilización masiva de datos (Big Data) para construír aplicacións e servizos que axuden a construír un mundo mellor.
Os retos poden ser propostos por calquera organización ONG ou cidadán que detecte un problema social que poida ser liquidado mediante o uso da tecnoloxía. Achéganse, para ir preparando o camiño, convites para axilizar o manexo de datos en situacións de catástrofes, para a xestión de información dirixida a minimizar riscos en cultivos agrícolas ou para o seguimento do fluxo de vehículos (que pode coordinarse mellor a prol do beneficio de todas e todos).
A cita de Vigo
Segundo informa a Uvigo respecto da cita que se celebra no seu Campus, a primeira parte do evento, denominada Startups University Day, celebrarase de maneira simultánea en cada unha das devanditas catorce sedes. Nesta primeira metade do hackaton presentaranse as mellores prácticas de emprendemento en cada unha das 20 universidades participantes. Máis tarde haberá unha presentación global por videoconferencia con conexión de todas as sedes e, na segunda parte do evento, os equipos desenvolverán aplicacións e solucións a unha serie de retos, “valorándose a formación de grupos multidisciplinares que inclúan todos os perfís precisos para o desenvolvemento de servizos e aplicacións”, explica a Universidade de Vigo, que engade que estes perfís corresponden en gran medida a estudantes de enxeñaría, deseño, informática, socioloxía, empresas innovadoras, etc.
As aplicacións que o alumnado deseñe deberán facer fronte aos retos que a organización e calquera outra persoa propoñan a través da web do HackForGood.
Entre as mellores aplicacións elixiranse os equipos gañadores, que se repartirán 12.000 euros en premios para as mellores ferramentas estatais e catorce premios de 2.000 euros, un por sede, para as mellores aplicacións locais. Os premios temáticos consisten en 8.000 euros para os recursos máis salientábeis e con meirande potencial para afrontar retos relacionados coa educación e as diversidades motrices e cognitivas así como para aqueles que se baseen no uso de xogos serios ou que teñan o mellor deseño. Os premios de continuidade subministrarán formación personalizada, asesoramento específico e financiamento adicional. Para iso haberá un premio Think Big local en cada sede HackForGood que consistirá nunha fin de semana formativa en emprendemento social e a posibilidade de pasar ao nivel 2 do programa Think Big de Fundación Telefónica. Entre todos os gañadores locais elixirase o gañador nacional, que será premiado cun pase directo a este nivel 2 de Think Big. Por outra banda, os premios Telefónica Open Future–HackForGood repartirán tres galardóns globais que permiten o uso da rede de espazos de crowdworking de Open Future e un asesoramento personalizado que facilite que a idea orixinal deveña nunha nova empresa.

PUBLICIDADE