Telefónica estima que en 2008 se duplicará en Galiza a presenza do seu servizo Respuesta Empresarios

venres, 18 de abril do 2008 Fernando Sarasketa

Telefónica quere afianzar a súa presenza entre as pequenas e medianas empresas (pemes), así como no eido dos negocios en xeral, de aí que xa teña en marcha programas como Respuesta Empresarios, un paquete de xestión integral de comunicacións para o eido profesional. A este respecto, a operadora vén de lanzar datos sobre o acadado xa co dito programa na nosa terra e (tamén) sobre os obxectivos a acadar. Segundo informa a compañía, en 2008 a previsión é de que preto do 50% dos seus usuarios de empresas galegas empreguen o dito programa, que lles permitirá “contar con todas e cada unha das ferramentas precisas de comunicación e ofimática, con mantemento e soporte por parte dun único interlocutor”, sinala.
Polo que respecta ás cifras do ano anterior, Respuesta Empresarios pechou 2007 con máis de 66.000 postos de traballo instalados nas pequenas e medianas empresas e nos negocios de Galiza. Segundo informa Telefónica, a gran vantaxe do servizo (posto en marcha tras un acordo con HP, Intel, Cisco, Microsoft, Bull, Dinsa e Metrolico), reside en que a xestión corre a cargo dun só provedor. Ou sexa, que se centralizan por unha única canle aspectos clave da xestión e da comunicación.
Do millón de postos de traballo que Telefónica instalou a finais do ano pasado en España, o 5% foron dar a Galiza. Por sectores, aquel no que se rexistrou máis aceptación foi o do comercio minorista, cun 35% dos postos habilitados.

PUBLICIDADE