Telefónica, Vodafone e Orange unificarán os seus sistemas de códigos bidimensionais

venres, 26 de xuño do 2009 Marcus Fernández

As principais operadores de telefonía móbil de España (Telefónica, Vodafone e Orange) chegaron a un acordo para adoptar un estándar interoperable de códigos bidimensionais que poden lerse coa cámara fotográfica dun móbil servindo de atallo para chegar a contidos de Internet, de xeito que sería o equivalente ás hiperligazóns no mundo real, e que ata o momento eran incompatibles entre as distintas compañías.
Telefónica achegara esta tecnoloxía a España en 2008 chamándolle códigos BIDI, pero nos vindeiros días os usuarios de Vodafone e Movistar poderán descargar a aplicación de lectura de códigos QR (o estándar adoptado agora polas 3 operadoras) remitindo un SMS coa palabra BIDI ao 22044, mentres que os usuarios de Orange deberán agardar ao 1 de agosto para ter dispoñible a aplicación.

Netbiblo edita libros que fan uso dos códigos QR

A captura de códigos QR é tan doado como abrir a aplicación mencionada, enfocar coa cámara do móbil a un código bidimensional, premer o botón de captura e agardar a que o programa nos remita a unha páxina web asociada (ou efectúa outras tarefas que poden asociarse a eses códigos, coma compor un SMS ou facer unha chamada).
Na actualidade eran poucas as compañías que aproveitaban o potencial dos códigos QR non só por non estar normalizados, senón polo feito de que os usuarios tendían a fuxir de conectarse á Rede dende o móbil, pero os smartphones están a popularizar as tarifas planas de datos, o que podería ser o pulo que precisarían os códigos bidimensionais para ter a súa utilidade, de xeito que non debería sorprendernos velos nos vindeiros meses en carteis publicitarios nas rúas, anuncios na prensa ou incluso en libros, como xa fai a coruñesa Netbiblo, que conta con varias coleccións de bidibooks, volumes que empregan códigos QR para completar a información dos libros con contidos dispoñibles na web.

PUBLICIDADE