Talentos Inclusivos achega as TIC á mocidade en beneficio dos afectados por parálise cerebral

venres, 24 de febreiro do 2023 S. P.

Promover a vocación TIC entre o alumnado de Secundaria e dar visibilidade á discapacidade, neste caso á parálise cerebral, é a finalidade que persegue a terceira edición do proxecto Talentos Inclusivos, unha proposta na que traballan o centro de ASPACE (Parálise Cerebral) Coruña e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información da Universidade da Coruña (UDC), que conta co apoio do Consello Social da Universidade, a FECYT, o Concello da Coruña e a Xunta de Galicia.
Son arredor de 200 estudantes de secundaria de dez centros de Galicia os que participan na n ova andaina deste programa. Estamos a falar dos colexios: Calasanz (A Coruña); o IES Rego da Trabe (Culleredo); IES Terra de Trasancos (Narón), IES Ramón Menéndez Pidal (A Coruña), IES Sofía Casanova e Saturnino Montojo (Ferrol) e o IES Miraflores (Oleiros); quedando pendentes a realización destas actividades de sensibilización en outros dous centros (IES As Mariñas de Betanzos e o IES Ortigueira)- No día de hoxe un deses colexios, Carmelitas de Ourense, visitaba a propia sede de ASPACE, en Sada, descubrindo alí as barreiras ás que se enfrontan a diario as persoas con parálise e tamén como a través da tecnoloxía os propios alumnos e alumnas de 3º da ESO poden contribuír a mellorar a súa calidade de vida.
A coordinadora de ASPACE Coruña, Iria Robles, expuxo varias das propostas que se tratarán nesta edición, como o desenvolvemento de videoxogos clásicos para usar en terapias de rehabilitación e a adaptación 3D de premedores do cabezal dunha cadeira de rodas. Amais disto, cómpre dicir que as visitas presenciais aos centros educativos volveron retomarse “despois de dous anos de restricións debido á pandemia”.
Dende ASPACE, Ricardo Iglesias Sanmartín, xerente da sede na Coruña, díxolle ao alumnado: “temos que traballar para que as persoas con parálise cerebral acaden a plena inclusión e unha maneira de facelo é propoñendo retos que melloren o seu día a día. Pódovos asegurar que cando chegue o mes de xuño a relación que tedes con eles vai cambiar a vosa perspectiva e a vosa visión das persoas con discapacidade”.

PUBLICIDADE