Symbian descarta sumarse á plataforma móbil promovida por Google

mércores, 7 de novembro do 2007 Marcus Fernández

O vice-presidente de estratexia de Symbian, John Forsyth, amósase escéptico coa nova plataforma promovida por Google para crear un sistema operativo aberto para móbiles que leven ós celulares os servizos web, e mesmo dende Nokia admiten que aínda que están «abertos á discusión e ó debate» están moi contentos coas súas colaboracións con Symbian, que constitúe «a plataforma máis usada do mundo» (cun total de 165 millóns de móbiles vendidos con Symbian OS) polo que dan a entender que Android será outro intento de levar un sistema operativo baseado en Linux ós móbiles.
Forsyth asegura que nada indica que a posición predominante de Google na web poida trasladarse ós móbiles porque se trata de sectores totalmente diferentes, e pensa que os consumidores queren contar con empresas que lles dean soporte, mentres que non se sabe aínda cómo se impulsará o desenvolvemento de solucións na plataforma Android (especialmente cando os terminais con este sistema van tardar bastantes meses en chegar ó mercado).

PUBLICIDADE