Spotify anuncia unha plataforma con múltiples posibilidades de acceso á música

xoves, 1 de decembro do 2011 Fernando Sarasketa

Xa van quedando poucos seareiros da música que non sexan seareiros, tamén, dalgunha rede ou medio tecnolóxico de difusión ou distribución musical. Spotify, consciente diso, vén de mover ficha para xuntar baixo o seu teito a quen anda baixo outros acubillos. A isto responde o seu anuncio recente de crear unha plataforma para integrar unha chea de aplicacións até o de agora espalladas noutros servizos, aplicacións entre as que se inclúe unha da revista Rolling Stone para permitirnos o acceso ás opinións sobre cada canción e outra de Last.fm para compartir con outros o que escoitamos.
Segundo se nos conta en medios como El Progreso reflectindo información de fontes de Spotify (ultimamente un pouco de capa caída tras apostar por un modelo máis privado), a nova plataforma ten toda a feitura de ser o comezo de algo. E cando falamos de “algo” falamos de cousas que poderían non só mudar o noso xeito de acceder á música senón tamén as estratexias a seguir pola industria.
Segundo apunta a empresa, o novo servizo pon de manifesto a intención da compañía de contar cos grandes do sector, traballando xuntos para “achegar aos seareiros os seus artistas favoritos e experiencias musicais incribles”. A plataforma, amais do devandito, incluiría unha ferramenta de SongKick para posibilitar a lectura das letras das cancións que se están a reproducir, ou un servizo de TuneWiki para darnos conta das vindeiras actividades que teñen preparadas aqueles músicos que poñamos nos altofalantes.

PUBLICIDADE