Sony continúa a perder cartos con cada PS3 vendida

venres, 16 de maio do 2008 Marcus Fernández

Sony publicou os resultados do último ano financeiro (que rematou o 31 de marzo de 2008) e aínda que incrementa as súas vendas, continúa a ter certas sombras sobre a PlayStation 3, que pese a triplicar os seus beneficios continúa a ser supor perdas para a compañía nipona.
No último ano Sony perdeu 124.500 millóns de iens na súa división de xogos, mellorando as perdas de 232.300 millóns do ano anterior, que tendo en conta que se venderon unhas 9,24 millóns de PS3 podería supor unhas perdas de 13.474 iens (83,24 euros) por consola, ou sexa, que os beneficios da PS2, a PSP e os xogos de Sony non chegarían a compensar o custo de fabricación da súa consola de alta definición, aínda que agardan que estres malos resultados se dilúan nos seguintes exercicios.
Nos últimos meses a PS3 tivo unha moi boa acollida no Xapón e en Europa, polo que sorprende que non foran capaces de reducir os custos de fabricación da PS3 a uns niveis asumibles, que non fagan que a división de xogos da compañía sexa deficitaria. Por fortuna, outros negocios do fabricante (como a división de electrónica de consumo que tanto éxito está a acadar cos televisores Bravia) poden manter á PS3 na súa guerra contra a Xbox 360 e a Wii ata un momento no que Sony equilibre a súa balanza de gastos.

PUBLICIDADE