Samsung retírase do mercado dos reprodutores de Blu-ray nos EE.UU.

luns, 18 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

Pese a que Samsung é unha das compañías pioneiras na comercialización de reprodutores de discos Blu-ray (foi a primeira compañía en vender reprodutores Blu-ray 4K) este segmento de produtos non parece estar a pasar por un bo momento, e a compañía surcoreana admitiu que tras deixar de fabricar reprodutores 4K, tamén fará o mesmo cos reprodutores Full HD, ou sexa, que non introducirá novos reprodutores de Blu-ray e Blu-ray 4K no mercado estadounidense.
Esa nova non sorprende moito tras ver que en 2018 non houbo novos modelos de reprodutores de Blu-ray 4K de Samsung, polo que é de esperar que en Europa aconteza o mesmo, e Samsung deixe de competir nunha gama de produto que non conseguiu callar e, de feito, o lanzamento de títulos en Blu-ray está a ser moi tímido, mentres que o formato de Blu-ray 4K é meramente anecdótico, con moitos grandes lanzamentos que non chegan a comercializarse en tal formato en España, probablemente por non vender un volume de unidades que compense a súa produción en serie.
Cómpre lembrar que os reprodutores de Blu-ray 4K son produtos cun prezo moi elevado que tamén teñen un competidor nas consolas de videoxogos, xa que a Xbox One S é capaz de reproducir este tipo de discos, e en moitas ocasións ten un prezo inferior aos reprodutores dedicados (ofrecendo moito máis, como completas aplicacións multimedia e videoxogos).

PUBLICIDADE