Samsung abre unha tenda virtual de música para os seus móbiles

venres, 6 de xullo do 2007 Marcus Fernández

Samsung, grazas a un acordo de colaboración con MusicNet, estrea unha tenda virtual de música para os seus móbiles K3, K5 e T9 en Reino Unido Francia e Alemaña. O novo servizo estará integrado no Samsung Media Studio (un reprodutor multimedia propietario) e permitirá o acceso ós temas da súa tenda adquiríndoos independentemente, en álbums ou mediante unha tarifa plana mensual.
A nova tenda virtual conta cun catálogo de máis de 2,6 millóns de cancións que se poderán mercar a 1,15 euros o tema, aínda que resulta máis atractiva a subscrición mensual de 14,99 euros que permite as descargas ilimitadas.
Os responsables de Samsung afirman que o novo servizo supón unha “innovación na era dixital” que engade “unha nova dimensión para os usuarios na súa interacción cos seus dispositivos”.

PUBLICIDADE