Rueda recalca o compromiso da Xunta cunha administración xudicial moderna

martes, 5 de xullo do 2022 Redacción

O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, interveu esta tarde na XXIV edición da Escola de Verán do Poder Xudicial onde recalcou o compromiso da Xunta cunha administración xudicial moderna con iniciativas como o Plan Senda 2025 para afondar na súa dixitalización.
Sobre este punto, fixo fincapé no Plan de Infraestruturas Xudiciais dotado con 123 millóns de euros, que fixo posible a Cidade da Xustiza de Vigo, a obra xudicial máis importante do Noroeste. Así mesmo, salientou outras iniciativas como o novo edificio xudicial de A Estrada ou a nova sede do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga).
Con este obxectivo, recordou a dixitalización da Administración co Plan Senda 2025, que permitirán avanzar cara ao expediente xudicial electrónico, sistemas de videoconferencia, a gravación de vistas ou a firma dixital. Actualmente, Galicia conta con 90 salas de vista dixitais, froito de proceso de modernización progresivo que finalizará en 2023 coa dixitalización de todas as salas galegas.
Ao longo da súa intervención, referiuse ao Pazo de Mariñán como o enclave ideal para o encontro e o debate sosegado que precisa a Escola de Verán do Poder Xudicial, que xa formou con 88 cursos a máis de 2.600 xuíces e maxistrados. Para Rueda estes xardíns de Bergondo fan que “non se perciba nada do ruído e convulsión que envolven a opinión pública”.
Seguindo esta liña, o presidente da Xunta reafirmouse na idoneidade de Galicia para acoller o tema central de esta edición “América e España, un proxecto común”, debido a que “os galegos sentimos América como unha especia de Galicia de ultramar”.
No relativo ao persoal, a Xunta segue a colaborar co Consello da Avogacía Galega e o Consello Galego de Procuradores para fixar as compensacións da quenda de oficio, que situaron a Galicia como unha das comunidades con maior remuneración. O novo acordo suporá un incremento de 15% de media nos baremos.
Por último e logo de recordar que se seguirá avanzando na formación en materia de violencia de xénero, na colaboración con Fademga para traducir documentos a lectura fácil e coa Fundación Galega contra o Narcotráfico para a xestión dos bens comisados. O titular da Administración Autonómica lembrou que calquera que valore a convivencia en paz e o respecto aos valores democráticos debe comprometerse con aqueles que os promoven.

PUBLICIDADE