R culpa a Vodafone da incidencia do pasado venres

luns, 26 de decembro do 2016 Marcus Fernández

O pasado venres o operador R viviu unha das peores xornadas da súa historia, cunha grave incidencia na súa rede móbil que deixou sen voz á meirande parte dos seus clientes dende o mediodía até a medianoite, e con problemas de acceso a datos móbiles incluso até o día seguinte, continuando os problemas na propia xornada de Noiteboa, cando moitos usuarios tiñan problemas para recuperar o servizo (para o que recomendábanlles reiniciar o terminal e seguir distintos pasos para forzar ao seu dispositivo móbil a conectar correctamente á rede móbil de Orange).
O malestar entre os clientes de R era evidente, non só polos problemas técnicos, senón tamén pola deficiente información da compañía de telecomunicacións, coa que resultaba imposible contactar por canles tradicionais, e había que recorrer ás redes sociais (principalmente Twitter) para ter información actualizada e pouco precisa, pois aínda que se deu por localizado o motivo do fallo ás 17:15 e anunciarse que a recuperación do servizo comezaría en tal momento, o que non se axustou en absoluto á realidade, quedando moitas horas por diante de problemas. De feito, cando dende R anunciaron ás 00:14 horas que xa se recupera «o servizo de chamadas para todas as liñas» quedando pendente a restauración do servizo de datos foi inmensa a cantidade de usuarios que negaban a información da compañía, e incluso ás 2 da madrugada continuaban sen liña de voz, tendo que deitarse coa esperanza de recuperar o servizo ao longo da véspera de Nadal.

Culpabilizando a Vodafone

Mensaxe de texto que remitiu Vodafone por SMS a algúns usuarios de R

Xa durante a xornada do sábado o operador de telecomunicacións reiterou as desculpas aos seus clientes, para logo distribuír un comunicado na que aseguraban que «a causa da incidencia foi un aumento desproporcionado do tráfico de SMS dirixido aos clientes de R, como consecuencia dun envío masivo de mensaxes do operador Vodafone» ao que engadiron que «o operador galego xa lles comunicou os feitos ás autoridades competentes» ante os prexuízos ocasionados polo problema técnico padecido.
A explicación de R resultaba moi pouco convincente, xa que incluso aínda que Vodafone remitise unha mensaxe de texto a cada un dos clientes de R, resulta moi discutible que iso poida considerarse que é un volume de mensaxes de texto desproporcionado, pois non podemos esquecer que até hai pouco nas semanas de Nadal cada usuario recibiu ducias de mensaxes en Noiteboa e Fin de Ano, polo que as redes terían que ser capaces de soportar fortes incrementos de tráfico nestas datas e, en calquera caso, a compañía debería ter medidas de seguridade para evitar que algo secundarios como as mensaxes de texto provocasen unha extraordinariamente longa caída do servizo.
Para botar máis leña ao lume, Vodafone negou as acusacións de R e considerounas «inxustificadas e irresponsables» e «convidou» a R a «reconsiderar a súa acusación e a retirala de xeito inmediato». Aseguran que «tras as análises técnicas realizadas Vodafone ten a firme convicción de que nada ten que ver con esta incidencia, pos o número de SMS cursado dende a rede de Vodafone nos últimos días á rede de R non é significativo na xestión dunha rede co volume de clientes de R e, por tanto, consideramos que a acusación é inxustificada e irresponsable».
Vodafone chegou a solidarizarse cos usuarios de R afectados, comunicando a través de Twitter non só que «as campañas entre operadoras son normais, non existindo nada extraordinario nesta», lamentando que se lles use como xustificación e matizando que os números de teléfono aos que mandaron as mensaxes os conseguiron de xeito lícito.

Consecuencias

Durante estes días insistiuse por parte de R en que compensarán os seus clientes polo corte (descontando na factura de xaneiro 5 veces o custo do servizo durante a incidencia o que podería achegarse á décima parte da factura mensual), e podemos entender que o principal problema agora para o operador será restituír a confianza dos consumidores, xa que nos últimos días son moitos os usuarios que manifestaron a súa intención de mudar de compañía de telefonía móbil por considerar que nos últimos meses o servizo caeu enormemente en calidade (por pasar da rede de Vodafone á de Orange) e empeorou os seus prezos (con subidas de prezo moi próximas no tempo), de xeito que esta última incidencia serían simplemente o detonante que levaría a tomar medidas efectivas, para pesar de moitos nos que levan anos confiando nunha compañía con sede en Galicia, que xera emprego na nosa terra e incluso ofrece atención ao cliente na nosa lingua con total normalidade.

Comunicado oficial de R sobre a incidencia do pasado venres

PUBLICIDADE