R anima aos seus clientes a achegar dúbidas e preguntas a través do chat

venres, 31 de maio do 2013 Fernando Sarasketa

A operadora galega R anunciou este xoves que os clientes que así o desexen poden comunicarse coa empresa, facer todo tipo de consultas sobre o servizo ofrecido ou a factura, a través da súa canle de chat (que complementaría ás xa dispoñíbeis do teléfono, o correo electrónico, as redes sociais ou a propia web de clientes). A idea da compañía galega é achegar máis axilidade nas comunicacións e non deixar a ninguén fóra das mesmas por razóns de tendencias e gustos (hai que ten atopado no chat o máis alto chanzo da escada da comunicación humana). Ao tempo, búscase manter o compoñente habitual de “proximidade e calidade na atención”, a xuízo de R, “unha das marcas da casa”.
Para ir dándolle uso a este servizo e quentar a R coas nosas cousas só temos que ir á web de clientes e dentro da sección de fala con R, teremos un acceso directo á ferramenta de comunicación. Asemade, disporemos dunha porta aberta ao chat nas seccións os meus servizos, facturas e trámites. As razóns disto? Pois basicamente responden a que esas cuestións adoitan ser as que máis dúbidas xeran. Para resolver cuestións por esta canle, informa R, atenderanos un operador de xeito directo, tentando botarnos unha man no que precisemos e sen necesidade de que lle deamos os nosos datos. O horario de atención deste servizo é de 10 da mañá a 10 da noite.

PUBLICIDADE