R achega aos concellos un servizo pioneiro de gravación e difusión de plenos

xoves, 26 de novembro do 2020 Fernando Sarasketa

A operadora galega R pon a disposición dos concellos galegos un servizo pioneiro e innovador para gravar e difundir plenos municipais, que ten, en palabras da compañía, a vantaxe de reducir ao máximo os custes de produción de vídeo e ofrecer a posibilidade de transmitir automaticamente as sesións.
A través deste servizo tamén se deixará marxe para a participación remota, os comentarios en directo e a tradución de signos en liña. Trátase dunha ferramenta abeirada ao proceso actual de transformación da actividade das administracións, acelerado tralo inicio da pandemia de COVID-19.
Consiste, explica R, “nunha proposta innovadora baseada na Intelixencia Artificial, que permite gravar, almacenar e emitir os plenos municipais dos concellos”, amais de estar avalada pola Unión Europea e achegar importantes compoñentes de facilidade de uso e sinxeleza. O sistema, engade a operadora, “aforra moito traballo ao secretario á hora de efectuar as actas e outorga máis transparencia ao Concello, xa que a cidadanía pode seguir en vivo as sesións plenarias e, ademais, simplifica tamén a xestión porque unha vez instalado está dispoñíbel 24 horas 365 días ao ano e pode emitirse de forma simultánea por diferentes canles, como por exemplo Youtube, a web municipal ou a TV local”.
A retransmisión en directo dos plenos e outros eventos municipais é posíbel grazas á alianza de R con CINFO, empresa galega especializada en sistemas intelixentes de produción automática de vídeo na nube mediante a súa tecnoloxía propia denominada Tiivii, unha tecnoloxía moi empregada até o de agora en ámbitos deportivos.

PUBLICIDADE