Preséntase a nova web do Concello de Abegondo, máis funcional e completa

venres, 16 de marzo do 2007 Raquel Noya

Sinxela e máis completa, con mellorado aspecto gráfico e con niveis aceptables de usabilidade e accesibilidade, que pode gustar máis ou menos respecto ó deseño pero que é mellor ca outras moitas páxinas postas en marcha pola Administración. Falamos do sitio web oficial do concello de Abegondo, que foi presentado estes días logo dunha remodelación levada a cabo pola empresa CORUNET, remodelación que consistiu nun redeseño, na tradución ó galego dos contidos e na adaptación ás necesidades específicas do concello. A nova páxina emprega a ferramenta PISTA Local + e, entre as súas características, cómpre salientar o emprego de tecnoloxías de código aberto (software libre), o seu carácter multidispositivo (que permite o acceso dende móbil, PDA ou semellantes), e a potencia da sindicación de contidos, RSS 2.0.
En canto ás funcionalidades, o Concello fixo fincapé en que, amais de significar unha mellora na comunicación en xeral, o sitio permite o acceso a unha Oficina Virtual onde os veciños poden completar trámites a través de Internet sen ter que achegarse á casa do consistorio como viñan facendo até o de agora.
Coincidindo coa presentación do portal, tamén botou a andar o blog do alcalde (que polo de agora aínda non entrou en funcionamento), que lles permitirá ós veciños e ó público en xeral, discutir asuntos de interese para a localidade, propor solucións para problemas acaecidos en diversos eidos (político, económico, cultural e social) e participar na construción dunha sociedade mellor.

PUBLICIDADE