O Portal da Lingua achega unha manchea de recursos sobre Luísa Villalta, homenaxeada nas Letras Galegas

venres, 12 de abril do 2024 S. P.

Luísa Villalta nunha fotografía de Xurxo Lobato

O Portal da Lingua (Secretaría Xeral de Política Lingüística) é estes días un sitio web de referencia para consultarmos todo o relativo a Luisa Villalta, a poeta recoñecida este ano no Día das Letras Galegas.
Así, ademais do percorrido biográfico sobre a vida e o legado artístico da escritora (que pode ser lido ou escoitado), o portal é unha xanela ao fervedoiro de actividades de recoñecemento que se están a desenvolver nos centros educativos da nosa xeografía: vídeo-poemas, guías didácticas, relatos biográficos, curtas, concursos de marcapáxinas como o do IES San Clemente de Santiago, unidades didácticas, pezas teatrais, vídeos, cadernos ou felicitacións. Ademais, o Portal da Lingua permítenos ver, a xeito de mostra fotográfica en liña, os retratos de Luísa Villalta feitos polo fotógrafo Xurxo Lobato e que están ao libre dispor dos centros escolares para os seus traballos sobre a autora.
Sobre Luísa Villalta no Portal da Lingua
Firme defensora da lingua como piar da nosa identidade e comprometida con todos os colectivos que loitan e traballan pola dignidade do pobo galego, foi unha autora que renovou as nosas letras ao explorar a relación entre a música e a literatura e facernos “pensar o mundo”.
María Luísa Villalta Gómez naceu na Coruña o 15 de xullo de 1957. Realizou estudos no Colexio das Xosefinas e rematou a súa formación preuniversitaria no instituto Eusebio da Guarda, onde cursou COU. Dos seus pais, Rafael e María, herdou a afección pola música, pois adoitaban levala, canda a súa irmá Susana, aos ensaios das óperas que se representaban na cidade.
Estudou na Universidade de Santiago de Compostela, onde se licenciou en Filoloxía Hispánica e Galego-Portuguesa en 1982. Posteriormente alcanzou o título superior en Violín no Conservatorio e pasou a formar parte da Orquestra de Santiago e da Xove Orquestra de Galicia. A música converterase nun trazo esencial que vai transcender á maior parte da súa creación literaria.
Exerceu como docente de lingua e literatura galega en varios centros ata que conseguiu o destino definitivo no instituto Isaac Díaz Pardo, de Sada. O seu alumnado lémbraa como unha firme defensora do ensino público, pois ela concibíao como un espazo onde se esborrallan as diferenzas e no que promover o debate e a reflexión crítica, o respecto e a escoita activa.
Aínda que recoñecida sobre todo como poeta, a súa produción literaria abrangue outros xéneros para os que realizou achegas fundamentais. Abordou o teatro (O paseo das esfinxes, Concerto para un home só, ou As certezas de Ofelia) e o ensaio (O outro lado da música, a poesía), ademais da narrativa, con pezas como A taberna do holandés (un relato ao que se lle concedeu un accésit nos Premios Modesto Figueiredo en 1990), Silencio, ensaiamos (1991), Teoría de xogos (1997) ou As chaves do tempo (2001).
En canto á poesía, Música reservada é o seu primeiro libro, publicado en 1991. Seguiríalle Ruído, que chega catro anos despois (1995). En ambos os dous, a palabra e a música, as súas grandes paixóns, xorden entrelazadas.
En 2004 sae á luz En concreto, o gran canto que lle dedica á Cidade Alta (A Coruña), o seu espazo de referencia vital e creativo. A publicación foi recoñecida co Premio de Poesía Espiral Maior ese mesmo ano. A cidade herculina é tamén o eixe central de Papagaio, a obra máis conectada co pensamento feminista que sempre a acompañou. Nesta peza creada xunto coa fotógrafa Maribel Longueira, Luísa dá voz ás prostitutas que habitaron o coñecido barrio coruñés. As palabras ingrávidas, poemario en forma de almanaque no que a autora estaba a traballar, chegaría postumamente no ano 2020 da man do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, que recolleu o legado da autora cedido de xeito altruísta pola súa familia.
Compaxinou o seu labor creativo cunha intensa actividade cultural. Colaborou en diferentes xornais e revistas como A Nosa Terra, Festa da Palabra Silenciada, A Trabe de Ouro, Luzes de Galiza, Tempos Novos etc. Formou parte da Asociación de Escritores de Lingua Galega e participou nas mobilizacións cidadás contra a catástrofe do Prestige e pola defensa da causa palestina. Mantivo sempre unha posición sensíbel pero crítica, reflexiva pero contundente, cunha conciencia social enraizada desde a súa nenez que a levou a pronunciarse a prol das persoas máis desfavorecidas. O seu feminismo entronca tamén co seu profundo sentido da xustiza e o seu desexo de contribuír, coa súa achega, a unha sociedade máis igualitaria.
Un ataque de meninxite provocoulle a morte o 6 de marzo de 2004 na mesma cidade onde nacera e tronzou así unha vida ateigada de proxectos. Tiña 46 anos.
A súa é unha poesía doce e profunda, que se asenta no seu constante traballo e no seu talento como filóloga. Sempre á procura da beleza da palabra e da precisión que lle permitiron expresar con claridade o seu elaborado pensamento.

PUBLICIDADE