Presentan un dispositivo de tinta electrónica de 13 polgadas

martes, 9 de setembro do 2008 Marcus Fernández

No congreso DEMOfall a empresa Plastic Logic presentou oficialmente o seu lector de libros electrónicos baseado en tinta electrónica que destaca polo tamaño da súa pantalla (13 polgadas, o que lle dá unhas dimensións moi semellantes ás dun folio DIN A4) e o seu reducido grosor, que combinado co seu reducido peso (uns 350 gramos) o converte nun dispositivo realmente cómodo para a lectura e transporte (pois vén a ter as dimensións dunha revista).
O lector de Plastic Logic é compatible con documentos de Word, Excel e Powerpoint, así coma PDF, e os contidos se poderán achegar sen fíos (aínda que non concretaron as tecnoloxía de conexión que incluirá).

O tamaño do lector de Plastic Logic é comparable ao dunha revista

Para mellorar a súa autonomía e calidade de lectura emprega tecnoloxía E Ink, aínda que hai que lembrar que as pantallas deste tipo polo momento son ríxidas, aínda que traballan para que no futuro poidan ser flexibles (asemellándose máis ao papel tradicional).
Aínda que haberá que agardar á primeira metade de 2009 para ver este lector no mercado, é de agardar que se comercialice coa opción de subscribirse a algunhas publicacións (ou que sexan as publicacións directamente as que vendan o dispositivo).
Ata o de agora son os xornais e os libros de narrativa os que se atopan mellor nestes formatos electrónicos, pois as pantallas de E Ink só presentan imaxes en tons de gris, tendo que agardar a 2010 para poder ver a cor neste tipo de dispositivos, o que podería mellorar as posibilidades do papel electrónico para convertelo tamén nun soporte axeitado para revistas, bandas deseñadas e incluso libros de texto escolares.

PUBLICIDADE