Presentado o Plan de Software Libre 2013 da Xunta, no que se inclúe a xestión para acadar a galeguización de Android

luns, 8 de abril do 2013 Redacción

Quen teña Android no seu smartphone e algunha vez tentara empregalo en galego, buscando algo tan natural como a opción de linguaxe galega, saberá do que imos falar de seguida: malia que fabricantes como Samsung e outros si que teñan incluída a devandita opción nos seus terminais, Google aínda non está polo labor de facer o mesmo. Conclusión: levamos xa unha chea de tempo agardando o recoñecemento do buscador. A galeguización de moitos terminais é moi básica por mor do devandito desleixo de Google, ficando a nosa lingua reducida aos menús e algunha que outra ferramenta. Para pór remate a isto, AMTEGA vén de solicitar ao buscador a tradución ao galego do seu sistema para móbiles.

Actualmente existen numerosos móbiles con Android coa opción de empregarse en galego, pero a súa tradución limítase á capa gráfica achegada polos fabricantes

A petición conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. “Con esta iniciativa”, sinala a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, “procúrase que o devandito programa, baseado en software libre, estea dispoñible en galego para todos os cidadáns, independentemente do terminal que empreguen”. Así se expresou este luns a directora da axencia, Mar Pereira, durante a presentación do Plan de Software Libre 2013 da Xunta, que achega unha contía de 923.000 euros para o desenvolvemento de 120 actuacións para impulsar o emprego de programas libres e código de fontes abertas (FLOSS) na nosa terra. O plan desenvolverase en colaboración coas asociacións galegas de usuarios de software libre (AGUSL), as empresas do sector (AGASOL), o Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións para a Xestión Universitaria de Galicia (CIXUG, que integra as tres universidades) e o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG).

Presentación das actividades previstas na nosa terra para impulsar a programación aberta e informar das súas vantaxes

No posto do empregado público
Unha das medidas amosadas da dita iniciativa, relativa ao eido da Administración autonómica, ten relación directa coa linuxización da que falamos nesta web o pasado mes de febreiro. Segundo fixo saber Mar Pereira, a finais de 2013 coñeceranse o resultado da análise exhaustiva que se está a realizar sobre a viabilidade da migración a software libre dos ordenadores dos empregados da Administración Xeral. O estudo, que está a realizar AGASOL, “identificará o impacto económico do cambio a ferramentas ofimáticas de fontes abertas nos postos de usuario, así como as necesidades tecnolóxicas, organizativas e formativas que require esta medida”. Con esta información elaborarase o plan de migración.
Software libre na Administración
En canto á implantación e o emprego de programas abertos nos sistemas informáticos e proxectos tecnolóxicos da Administración autonómica, Mar Pereira destacou que os sistemas para a monitorización e control da infraestrutura do Centro de Proceso da Datos Integral (na Cidade da Cultura) sustentaranse sobre software libre. A maiores, fixo saber que se empregará tamén en iniciativas TIC de diferentes áreas como no proxecto do Xeoportal de indicadores territoriais (Desourb), que será liberado no Repositorio de Software Libre da Xunta este ano, ou no desenvolvemento de novas funcionalidades no sistema de licitación electrónica da Xunta de Galicia (Silex). No eido educativo, a terceira fase de Abalar permitirá a instalación de 200 novos servidores de centros e a actualización doutros 450 baseados en software libre. Ademais, informou, dotaranse 300 novas aulas con kits dixitais (portátil e encerado) con solucións libres. Por outra banda, tamén lembrou que durante este ano impartiranse preto de 900 horas en formación específica de software libre para os empregados públicos, tanto a través da EGAP, como nas actividades formativas en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría Informática.
Código aberto para a sociedade galega
Polo que atinxe ao programado para a sociedade galega, dicir que por unha banda temos a xestión para a adaptación ao galego de Android e, pola outra, unha serie de accións formativas e de divulgación. Unha vez máis, as aulas da Rede CeMIT serán, en boa maneira, os eixes desta actividade de difusión. Alén dos eventos máis xenéricos, AMTEGA prepara (en colaboración coas Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre e as Universidades) até 50 actividades formativas e divulgativas coa celebración de xornadas, cursos e obradoiros e a elaboración de materiais didácticos que se publicarán no Repositorio Documental de Software Libre. Sinalar que este ano convocarase o IV Premio ao mellor proxecto universitario de fin de carreira con Software Libre en colaboración co CIXUG, que integra as tres universidades.
No que respecta ao ámbito empresarial, celebraranse 14 obradoiros e seminarios prácticos sobre solucións de software libre no Centro Demostrador TIC e 136 horas de formación. Ademais, en colaboración con AGASOL “crearase un conxunto de solucións tecnolóxicas de software libre especificamente deseñadas para cubrir as necesidades de xestión das microPEME e dos autónomos que será presentado no CDTIC”, informou AMTEGA. Asemade, AGASOL ofrecerá asesoramento sobre solucións tecnolóxica libres ás empresas de Galicia.

PUBLICIDADE