Presentada no Parlamento Europeo unha guía en liña para recoñecer a hiperactividade como doenza

xoves, 12 de xaneiro do 2012 Raquel Noya

Segundo un estudo elaborado en España sobre o coñecemento que ten a poboación do Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade (TDAH), o 97% das persoas entrevistadas en Galicia non saben responder que é, malia que afecta ao 5,3% dos nenos e nenas do noso país.
Para loitar contra este descoñecemento e tratar de frear o impacto do TDAH na sociedade española axudando aos doentes e ás súas familias, púxose en marcha o Plan de Acción en TDAH, PANDAH, que conta co apoio de psiquiatras, psicólogos, pediatras neurólogos e educadores.
Esta doenza, que a maioría da poboación lle atribúe aos “nenos rebeldes ou maleducados”, caracterízase por niveis elevados de inatención, hiperactividade e impulsividade, e achega dificultade para concentrarse e permanecer quietos ás persoas que a padecen.
Xa que logo, un dos retos que existe na abordaxe do TDAH é a creación de protocolos de actuación que axuden aos profesionais que detectan, tratan e controlan este trastorno, así como ás familias destes nenos, que na maioría das ocasións non reciben apoio suficiente para atallar esta situación.
Para salvar estas barreiras, vén de presentarse no Parlamento Europeo a ferramenta ADHS partnership support pack, unha guía en liña creada por un comité internacional de médicos, profesores e pais de nenos con TDAH que serve de axuda a cada un destes grupos. A guía, promovida pola entidade Shire, conta coa colaboración da European ADHD Awareness Taskforce, e está dispoñible en español na web www.tdahytu.es dende comezos de outubro.
Esta ferramenta consta de 5 libros dixitais que foron recompilados para proporcionar unha guía de uso doado “que sirva como referencia práctica e permita atopar as respostas dunha maneira áxil e rápida”.
Ademais dunha introdución á doenza e aos seus síntomas, as publicacións en liña achegan consellos para pais e mestres, hábitos saudables para os doentes, e información adicional a través de ligazóns útiles na Rede, entre outras cousas.

PUBLICIDADE