Preocupación pola aparición de publicidade emerxente nalgúns televisores de Samsung

mércores, 11 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Que os televisores estean conectados á Internet abren novas posibilidades de consumo, pero estas posibilidades tamén teñen unha cara oculta que podería non ser do agrado dos consumidores, como o que veñen de detectar en Australia, onde os usuarios de televisores de Samsung están a informar de que nas súas pantallas están a aparecer anuncios cada 20-30 minutos pese a que están a reproducir contido en local. Estamos ante unha incidencia que lembra á denuncia do redactor de tecnoloxía David Chartier, que veu como na pantalla do seu novo Smart TV de Samsung aparecía unha fiestra emerxente cun anuncio de Yahoo Broadcast Interactivity, pese a que estaba a ver contidos do seu Apple TV.
Chartier sentiuse claramente agredido por esta situación, e atopou grandes atrancos para poder desactivar este tipo de publicidade sumamente intrusiva (para localizar a aplicación dende a que facer tal tivo que recorrer á tenda de aplicacións do seu televisor).
O caso australiano parece ser un tanto distinto, e segundo a división local de Samsung debeuse a un erro nunha actualización de software que xa está corrixido. A compañía incluso tivo que anunciar que non teñen plans para introducir este tipo de publicidade en Australia nun futuro próximo, pero é normal que este tipo de incidentes provoquen as reticencias dos consumidores de cara a conectar os seus televisores á Rede, pois ábrese unha canle de comunicación que pode resultar excesivamente intrusiva.

PUBLICIDADE