Poderían incrementar o tamaño das pantallas da Nintendo DSi

martes, 27 de outubro do 2009 Marcus Fernández

Durante as últimas horas están a circular distintos rumores que apuntan á posibilidade de que Nintendo comercialice no Xapón este mesmo ano unha consola portátil DSi que ampliaría as súas pantallas das 3,25 polgadas actuais a 4 polgadas.
Esta información nacería dun artigo en Nikkei, e dende Nintendo aseguraron que non deran ningunha entrevista sobre o tema, de xeito que a información sería só especulativa. De feito, o lanzamento dunha Nintendo DSi cunha pantalla de 4 polgadas podería ser menos desexable do que podemos pensar, e xa hai quen apunta que tal consola sería menos portátil, tanto polo incremento de tamaño coma pola posible redución da súa autonomía (lembremos que a pantalla da DSi é só un cuarto de polgada superior á da Nintendo DS Lite, o que afectou negativamente á súa autonomía).
O certo é que Nintendo non está negando directamente un posible redeseño da DSi (pero tamén está moi lonxe de confirmalo), aínda que a modificación da consola de cara a potenciar as vendas no Nadal podería ser unha boa idea.

PUBLICIDADE