Pepephone podería mudarse á rede de Movistar para ofrecer 4G antes de rematar o ano

martes, 9 de setembro do 2014 Marcus Fernández

O director xeral de Pepephone participou nun encontro en Compostela hai poucos meses</A>

O pasado mes de febreiro Pepephone sorprendeu anunciando que abandonaría Vodafone como provedor para a súa rede de telefonía móbil para pasar a usar Yoigo, o que permitiríalle ofrecer servizos 4G, tecnoloxía que parece vetada aos Operadores Móbiles Virtuais (OMV) até a liberación do dividendo dixital, cambio que estaba previsto para o mes de xuño, pero que finalmente topou moitos atrancos que tardarían moito en arranxarse (xa que o conflito tería que chegar a instancias europeas) o que, segundo o diario Expansión, van solucionar optando por Movistar como provedor.
A sinatura do acordo entre Movistar e Pepephone para que o OMV estrela puidese empregar as redes 3G e 4G de Movistar estaría a piques de producirse, e tería unha duración de varios anos, facilitando que os usuarios de Pepephone poidan gozar dun mellor servizo a un prezo máis competitivo. Agárdase que a migración de operador se desenvolva antes do remate do ano, sendo especialmente beneficiosa para os usuarios que xa contan con terminais con conectividade 4G.
A situación actual de Pepephone era insoportable, xa que anunciara un cambio de provedor para satisfacer as demandas de 4G por parte dos seus clientes e non estaba a cumprir coa súa promesa de renovación de prezos e servizos, o que podería ser unha das principais causas de que no mes de agosto experimentase un balance negativo en portabilidades por primeira vez na súa historia (aínda que caendo só en 375 liñas).

PUBLICIDADE